domingo, 16 de outubro de 2016

SEMPRE XONXA, de Chano Piñeiro

" Sabes que Sempre Xonxa está a ser a primeira longametraxe do cine galego. Sabes que o cine é unha industria, ademais de un arte, que non ten a mínima infraestrutura no noso país. Que, por tanto, non ten productores, é dicir, empresarios que aposten por nós, polo cine como arte, como cultura e como empresa.
   Nestas circunstancias, que eu considero de subdesenvolvimento e colonización, eu aposto pola imaxe na nosa cultura, porque creo nela, porque sei que temos, podemos e debemos dicir muitas cousas. Porque o cine en galicia está calado e nin sequera foi mudo. Sempre Xonxa, a parte de ser unha película, é unha empresa de 173 millóns de presuposto. Precisamos o teu apoio. Ti podes participar. Seguro. Xa.
     Infórmate.
     Hai participacións desde cincuenat mil pesetas."
( Publicado nun folleto para a campaña de financiamento da película. Vigo, 1988)

   
      Se tivera escrito onte, antes de re-ver o filme, algo sobre Sempre Xonxa( Chano Piñeiro, 1989), seguramente esta chamada á colaboración económica que encabeza a entrada tería sido protagonista. O filme realizaou-se nun momento en que o cinema galego, entendido como á producción de longametraxes para a sua exhibición en pantalla grande, non existía. Anos antes, en 1973, o lema da I Semana de Cine en Ourense, retrataba con humor cal era a situación: " O cine galego é a consciencia da sua nada. Xa é algo". Acho que Chano Piñeiro conseguiu, con a sua luita por sacar adiante a sua película, que esa consciencia chegara á sociedade, ás instituicións, á política... e iso xa foi algo.

    Tería posto mais interese en remarcar o facto de que Sempre Xonxa, estreada neste contexto comentado, foi a primeira longametraxe galega. Estou convencido diso. Sexan cais sexan os criterios que escollamos para definir o que é Cinema Galego, Sempre Xonxa cúmpleos todos: Realizador galego, técnicos galegos, intérpretes galegos, argumento inequívocamente galego, rodada na Galiza e en galego. Non creo que isto se poda discutir.

      Tudo isto sería razón suficiente para ver Sempre Xonxa, mas nunca sería unha razón tan forte como calquera  que sexa a que nos move a ver cinema a todos os espectadores do mundo. E é que Sempre Xonxa é un filme moi bo, desde unha perspectiva universal. É provábel que a quen mais emocione ese comezo con os nenos voando un papaventos polas nosas montañas, sexa aos que habitamos o Macizo Central, mas estou convencido de que a fermosura da escena non deixaria indiferente a un amante do cinema de Texas, por exemplo.


     Tres protagonistas aos que se nos une desde a sua infancia( como non querer a un neno), nunha primeira parte do filme que ogallá non acabara nunca. Pato-peto-pito!!!. Asistimos á sua historia a través dos anos e as estacións. Amor, invexas, vinganzas, sucesos e fracasos... E ao lado dos protagonistas, o cura, o mestre e caladiño dos cais se deberían vender posters na FNAC. A historia mola.

   
     Non é, porén, só historia. Sucédense escenas fermosísimas e complexas. Caio rendido ante a recreación da marcha de centos( ou miles) de emigrantes desde o Porto de Vigo. Impresionante homenaxe ás mais icónicas imaxes que trascenderon desas amargas despedidas e que obrigadamente teñen de conmover a calquera humano, sexa galego ou non.


       Cinema feito para o mundo con a cámara ben fincada nas nosas raíces.



     




Sem comentários:

Enviar um comentário