domingo, 16 de outubro de 2016

SEMPRE XONXA, de Chano Piñeiro

" Sabes que Sempre Xonxa está a ser a primeira longametraxe do cine galego. Sabes que o cine é unha industria, ademais de un arte, que non ten a mínima infraestrutura no noso país. Que, por tanto, non ten productores, é dicir, empresarios que aposten por nós, polo cine como arte, como cultura e como empresa.
   Nestas circunstancias, que eu considero de subdesenvolvimento e colonización, eu aposto pola imaxe na nosa cultura, porque creo nela, porque sei que temos, podemos e debemos dicir muitas cousas. Porque o cine en galicia está calado e nin sequera foi mudo. Sempre Xonxa, a parte de ser unha película, é unha empresa de 173 millóns de presuposto. Precisamos o teu apoio. Ti podes participar. Seguro. Xa.
     Infórmate.
     Hai participacións desde cincuenat mil pesetas."
( Publicado nun folleto para a campaña de financiamento da película. Vigo, 1988)

   
      Se tivera escrito onte, antes de re-ver o filme, algo sobre Sempre Xonxa( Chano Piñeiro, 1989), seguramente esta chamada á colaboración económica que encabeza a entrada tería sido protagonista. O filme realizaou-se nun momento en que o cinema galego, entendido como á producción de longametraxes para a sua exhibición en pantalla grande, non existía. Anos antes, en 1973, o lema da I Semana de Cine en Ourense, retrataba con humor cal era a situación: " O cine galego é a consciencia da sua nada. Xa é algo". Acho que Chano Piñeiro conseguiu, con a sua luita por sacar adiante a sua película, que esa consciencia chegara á sociedade, ás instituicións, á política... e iso xa foi algo.

    Tería posto mais interese en remarcar o facto de que Sempre Xonxa, estreada neste contexto comentado, foi a primeira longametraxe galega. Estou convencido diso. Sexan cais sexan os criterios que escollamos para definir o que é Cinema Galego, Sempre Xonxa cúmpleos todos: Realizador galego, técnicos galegos, intérpretes galegos, argumento inequívocamente galego, rodada na Galiza e en galego. Non creo que isto se poda discutir.

      Tudo isto sería razón suficiente para ver Sempre Xonxa, mas nunca sería unha razón tan forte como calquera  que sexa a que nos move a ver cinema a todos os espectadores do mundo. E é que Sempre Xonxa é un filme moi bo, desde unha perspectiva universal. É provábel que a quen mais emocione ese comezo con os nenos voando un papaventos polas nosas montañas, sexa aos que habitamos o Macizo Central, mas estou convencido de que a fermosura da escena non deixaria indiferente a un amante do cinema de Texas, por exemplo.


     Tres protagonistas aos que se nos une desde a sua infancia( como non querer a un neno), nunha primeira parte do filme que ogallá non acabara nunca. Pato-peto-pito!!!. Asistimos á sua historia a través dos anos e as estacións. Amor, invexas, vinganzas, sucesos e fracasos... E ao lado dos protagonistas, o cura, o mestre e caladiño dos cais se deberían vender posters na FNAC. A historia mola.

   
     Non é, porén, só historia. Sucédense escenas fermosísimas e complexas. Caio rendido ante a recreación da marcha de centos( ou miles) de emigrantes desde o Porto de Vigo. Impresionante homenaxe ás mais icónicas imaxes que trascenderon desas amargas despedidas e que obrigadamente teñen de conmover a calquera humano, sexa galego ou non.


       Cinema feito para o mundo con a cámara ben fincada nas nosas raíces.



     




quarta-feira, 5 de outubro de 2016

RESPIRE, de Mélanie Laurent















§  Director: Mélanie Laurent.

§  Reparto: Joséhine Japy, Lou de Laâge, Isabelle Carré, Claire Keim, Radivoje Bukvic...

§  Título orixinal: “Respire”.

§  Ano: 2014.

§  País: Francia.

§  Idioma: Francés, subtitulada en Castelán.

§  Duración: 90 min.

§  Guión: Mélanie Laurent, Julien lambroschini ( novela de Anne-Sophie Brasme).

§  Música : Marc Chouarian.

§  Fotografía: Arnaud Potier.

§  Productora : Move Movie/ Gaumont/ Mely Productions.

§  Xénero: Drama. Adolescencia.

§  Premios: 2014. Nominación de Joséphine Japy Premios César.







Basada na novela de Anne-Sophie Brasme, e co mesmo nome, “Respire” sumérxenos na vida de Charlie (interpretada por Joséphine Japy), unha introvertida adolescente de 17 anos. Filla dunha nai sumisa e un pai maltratador, a vida de Charlie sofre un radical cambio cando comeza a simpatizar coa nova rapaza do instituto, Sarah (Lou de Laâge). O que comeza coma unha relación de amizade perfecta, pronto irase transformando dramáticamente, ata que a debilidade e a dependencia chegarán á obsesión. 

 

“Respire” é a segunda largometraxe da polifacética Mélanie Laurent (París, 21 de febreiro de 1983). A actriz, cantante e agora directora é coñecida a nivel internacional pola súa interpretación no 2009 como Soshana, na película de Tarantino “Inglorius Bastards”. Ademáis, no 2006 gañou o Premio César a mellor actriz.


Estamos ante unha historia íntima, pero de grandes alcances introspectivos e narrativos. “A pasión é nociva no momento en que se torna excesiva”, cita o profesor de filosofía ó comezo da cinta, vaticinando o desastre. “Respire” é o diario dunha elección sadomasoquista e asfixiante. Charlie  parece disfrutar desta situación opresiva e na contra de alonxarse, asume aínda máis o seu papel de víctima. Nese intre Sarah desvela a súa verdadeira natureza, desencadeando un despiadado bullying escolar.


Laurent consegue plasmar á perfección ese ambiente de agobiante afogo, tanto físico coma mental. Créase unha atmósfera absorbente, o filme aspira a vida enchéndose dela, para logo expulsala de forma constante, exhalando ráfagas máis enérxicas nalgúns momentos da metraxe, coincidindo coas angustiosas crises asmáticas de Charlie. Trátase dun filme cun ritmo pausado pero emocionante.


As dúas protagonistas transmiten unha gran transparencia e naturalidade, chegando incluso a ser innecesarios os subtítulos. Ademáis os primeiros planos cun abusivo acercamento da cámara captan a perfección a intimidade das adolescentes, que choca coa frivolidade do ambiente. Coma broche final, un  logrado travelling lateral da cámara, presagio da natureza destructiva do filme e o seu imprevisible final.