quarta-feira, 27 de julho de 2016

TEMPO DE CANÍBALES( Alemaña, 2014)




Öllers e Niederländer son asesores de empresa mui ben remunerados. Dende hai anos percorren o globo como carne de canón de primeira liña do capitalismo internacional, mantendo grande distancia coa realidade de "alá fora", que se manifesta como unha suxa silueta trás das xanelas dos seus hotéis de luxo con ar condicionado. Até agora, ambos executivos crian ter tudo baixo control. Mais, de pronto, deberán conviver cunha nova colega, que substituirá ao seu antigo compinche, Hellinger, xa que,  inesperadamente, éste convírtese en socio da compañía. Este feito, non é mais que o comezo dunha serie de catástrofes que marcan o ritmo da evolución de filme e persoaxes.



O filme foi rodado integramente en estudos, as paisaxes que se vem a través das xanelas están pintados sobre cartón... As accións que suceden fora das paredes dos hotéis e que son determinantes apresentansenos polos ruidos e as reaccións dos persoaxes, nunca se mostran directamente, axudando a xerar unha atmósfera claustrofóbica.





Mais Tempo de Caníbales é unha comédia, un filme grotesco, unha caricatura... Tudo se ten dito xá sobre os efeitos do capitalismo salvaxe. Parece que existe un consenso social sobre a necesidade de regulalo, porén, o poder político mantense escravo do económico. Vivimos unha situación de crise global xerada polos desfases dos que dirixen o sistema, porén todas as medidas aplicadas, até o momento, pasan por reforzar a posición dos que cometeron tales desfases. Miles de millóns de persoas sufrindo, e aceptando, as consecuencias desastrosas daqueles que so pensan na sua riqueza desmedida. A realidade é absurda e para reflexala, hai que recurrir ao absurdo. Este filme, que parece unha broma, déixanos a sensación de que o  que verdadeiramente acontece nas alturas das grandes empresas, nos despachos dos mais caros edificios do mundo, en iates e hoteis de luxo, non debe estar mui alonxado do que se nos mostra.

Sem comentários:

Enviar um comentário